Wednesday 24 de April de 2024

O Concello emprenderá unha actuación para pavimentar e renovar servizos en dúas rúas do barrio de Fafián en Riveira


 

A actuación está orzamentada en case 150.000 euros

 

O Concello de Riveira informa da próxima realización dunha nova actuación na cidade dirixida a pavimentar e renovar os servizos de dúas vías situadas no barrio de Fafián: concretamente, as rúas Blanco Amor e Amado Carballo.

 

Esta acción está orzamentada en 149.209,90 euros, IVE incluído, e de acordo co proxecto técnico elaborado polos servizos municipais ten un prazo de execución de catro meses.

 

Está previsto que no pleno ordinario do vindeiro luns, 27 de outubro, se dea luz verde á modificación de créditos necesaria para afrontar o desenvolvemento da obra.

 

Na actualidade, o pavimento das rúas citadas é de formigón e obsérvanse danos significativos. Ademais, a rede de abastecemento de auga é moi antiga e precisa frecuentes traballos de mantemento, en tanto que as redes de saneamento e pluviais están feitas de formigón e son deficitarias.

 

Barrios orixinais

Durante os últimos anos tense levado a cabo sucesivas obras co obxecto de recuperar os servizos de núcleos orixinais de Riveira, tales como Fondevila ou Bandaourrío; e para dar continuidade a este plan vaise a actuar en Fafián con esta nova iniciativa, que redundará na mellora dun barrio respecto do que tamén se está a mellorar a súa conexión viaria co resto da cidade a través da vía que se está aperturando en dirección Cristóbal Colón (e que nos próximos días será retomada).

 

En canto ao proxecto que nos ocupa, en primeiro lugar demolerase o pavimento de toda a área de actuación e as tubaxes de auga existentes serán substituídas por outras de polietileno de alta densidade de 90 milímetros de diámetro. Ademais, para o saneamento será instalado un colector de PVC corrugado de 315 milímetros de diámetro que será conectado co colector xeral situado na rúa 9 de Agosto. Para pluviais será utlizidados colectores de PVC corrugado de 315 milímetros de diámetro.

 

No que se refire ao pavimento, vaise intercalar pavimento de formigón de 20 centímetros de espesor con adoquín de formigón recto de dimensións 20x15x8, que irán colocados sobre morteiro de cemento. Tamén situarase baldosa hidráulica nun tramo puntual.

 

Por outra parte, tamén se procederá á construción dunha canalización eléctrica soterrada pola rúa Blanco Amor.